Publicador de contidos

Publicador de contidos

Máis de 15.000 sinaturas na Iniciativa Lexislativa Popular para 'restaurar' o himno galego

Máis de 15.000 sinaturas na Iniciativa Lexislativa Popular para 'restaurar' o himno galego

Reclaman cambiar ao texto orixinal escrito por Eduardo Pondal 

G24.gal 08/05/2023 16:32

A comisión promotora da proposición de lei de Iniciativa Lexislativa Popular para a "restauración do texto fidedigno do himno galego e a súa difusión" presentou no rexistro Parlamento un total de 15.857 firmas para apoiar esta demanda, o que supón 5.857 máis das necesarias para a súa tramitación. Así o destacou Anxo Louzao, portavoz de Vía Galega, unha das entidades impulsoras desta iniciativa, que considera que o número de firmas recollidas é "unha evidencia da necesidade e interese de facer oficial" o texto oficial do himno galego.

O pasado 29 de novembro rexistraron a iniciativa e deron inicio á recollida de firmas que culminou este luns, cando aínda tiñan dous meses máis para terminar a campaña. Son 30 persoas de diversos colectivos sociais e culturais as que conforman a comisión promotora que incide na "necesidade de divulgar e de popularizar o himno no conxunto da sociedade galega", e unha reclamación de "restaurar o texto orixinal" do mesmo que se basea nunha investigación realizada polo profesor Manuel Ferreiro.

O propio Ferreiro explicou que esta iniciativa se presentou por "razóns de xustiza histórica e de reparación da verdade", xa que hai "moitas probas" que demostran cal foi o texto orixinal do himno de Eduardo Pondal, difundido inicialmente na Habana, que por intervención de factores externos, como os propios linotipistas da prensa cubana, apareceu "con erros que se foron transmitindo".

Por iso, cre que agora, case 40 anos despois da aprobación da Lei de Símbolos de Galicia é necesario "restaurar o texto verdadeiro, porque o que na lei aparece non é o que Pondal escribiu e publicou". En concreto, "se Pondal puxo 'férridos', non podemos dicir 'féridos', que é unha palabra que non existe", explicou, á parte de cuestionar que se o autor puxo "ignorantes", non hai por que "establecer no texto un hiperenxebrismo, unha forma allea ao galego como 'iñorantes'", entre outras correccións.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade