Máis de 90 detidos no Reino Unido nos disturbios de grupos de ultradereita
As protestas, contra a inmigración e o islam, comezaron tras o ataque contra un centro recreativo de Southport, no que tres nenas morreron acoiteladas
Hai varios axentes feridos, tendas saqueadas e negocios incendiados
No Reino Unido, a policía detivo máis de 90 persoas pola violencia xerada en distintas protestas da extrema dereita en varias cidades británicas.
As protestas, contra a inmigración e o Islam, comezaron despois do ataque contra un centro recreativo de Southport, no que tres nenas morreron acoiteladas.
O autor do ataque foi un mozo de 17 anos nacido en Gales e de pais ruandeses. A ultradereita difundiu falsamente que o agresor era solicitante de asilo.
Os disturbios estendéronse por varias cidades do país. Os asistentes agrediron policías con diferentes obxectos. Hai varios axentes feridos, tendas saqueadas e negocios incendiados.
