Malestar veciñal en Vilagarcía por un narcopiso cun amplo historial de incidentes
O último suceso saldouse cun detido que pelexaba por entrar na vivenda

Novo incidente na narcocasa dos Duráns, en pleno centro de Vilagarcía. Os veciños denuncian que levan xa varios anos padecendo a inseguridade que xera ese punto de venda de drogas establecido nunha casa ocupada ilegalmente.
Nun dos episodios que os veciños relatan como habituais, un home discutía con outro e coas persoas do interior da vivenda. O home é moi coñecido na contorna desta casa por provocar incidentes semellantes e foi detido por axentes de varias patrullas da Policía Local de Vilagarcía que está situada a escasos cen metros do lugar.
Situacións como a vivida onte repítense continuamente, aseguran os veciños que din ter medo dos ocupantes e os visitantes da casa. Non entenden que non se poida facer nada ao respecto mais aló de actuar cando sucede un episodio violento.
Desde o Concello trasladan a responsabilidade dunha posible denuncia ao propietario do inmoble, e sen ela e unha orde xudicial, aseguran, nin a Policía Nacional nin a Local poden facer moito máis.