Prisión para cinco dos dez detidos na operación antidroga de Arteixo
Os outros cinco quedaron en liberdade, catro deles con medidas cautelares
Na operación Morochos, a Garda Civil rexistrou un narcoedificio en Meicende e varias vivendas máis
A Garda Civil dá por desarticulado este grupo considerado un importante foco de tráfico de drogas na zona

A maxistrada do xulgado de instrución número 7 da Coruña decretou este xoves o ingreso en prisión de cinco dos dez detidos nunha operación antidroga que se desenvolveu o mércores en Meicende, no municipio de Arteixo (A Coruña).
Foron dez as persoas arrestadas durante o rexistro dun edificio, onde a Garda Civil buscaba drogas preparadas para a súa venda no marco da chamada operación Morocha.
O operativo, que contou coa participación de máis de cincuenta axentes, foi o punto culminante dunha investigación que se iniciou hai varios meses e que culminou agora coa desarticulación deste grupo vinculado co tráfico de estupefacientes na zona.
A organización desmantelada, coñecida como o clan da Mora, operaba desde un bloque de vivendas e unha casa de planta baixa en Meicende, onde tiñan habilitadas diferentes zonas para a venda e consumo de drogas
Entre os detidos atópanse os presuntos líderes do clan, así como outros colaboradores vinculados a tarefas de apoio loxístico e aprovisionamento.
Nove dos arrestados pasaron onte á disposición xudicial e outro dos detidos quedou en liberdade en dependencias policiais durante a xornada do mércores.
A maxistrada decretou o ingreso en prisión provisional, comunicada e sen fianza de cinco destas persoas, informan fontes xudiciais.
Os outro catro quedaron en liberdade co pasaporte retirado e a prohibición de abandonar o territorio do Estado español.
Todas estas persoas están investigadas por un delito contra a saúde pública e por pertenza a grupo criminal.