Manu Ochoa queda eliminado no caiac cros
O padexeiro tomiñés lideraba a súa eliminatoria pero non conseguiu superar a última porta e queda fóra da competición
Pecha a súa primeira participación olímpica chegando aos cuartos de final

Manu Ochoa chegaba aos cuartos de final do caiac cros masculino con opcións de loitar por un posto nas semifinais. O tomiñés lograra o mellor tempo na súa manga clasificatoria e partía como un dos favoritos para acceder á seguinte rolda xunto ao número 1 do mundo, o británico Joseph Clarke.
Ao comezo da baixada, Ochoa e Clarke lograban situarse en cabeza. O padexeiro galego remaba con intensidade e mesmo chegou a facerse co primeiro lugar. Foi a última porta, a cal debía pasar de xeito inverso á dirección na que baixaba, a que rematou coas aspiracións do atleta de Tomiño. Os xuíces consideraron que non a atravesara correctamente, quedando eliminado da proba nese mesmo instante.
Malia o seu bo rendemento nestes últimos días, ese último erro condena a participación olímpica de Ochoa, que abandona París sen posibilidade de competir polas medallas.