Medio cento de civís morren en enfrontamentos armados na rebelión do Sudán
As cifras poderían ascender de xeito considerable ao haber vítimas en rexións illadas

Polo menos 56 persoas morreron e máis de 500 quedaron feridas nos enfrontamentos armados que comezaron este sábado entre o grupo paramilitar Forzas de Apoio Rápido (FAR) e o Exército sudanés.
Segundo advirte o Comité Central de Médicos do Sudán, estas cifras corresponden aos hospitais e centros de saúde, polo que poderían ascender de xeito considerable ao haber vítimas en rexións illadas do país ás que non teñen acceso.
O maior número de falecementos rexistrouse na capital, Khartum, onde morreron 25 persoas e na veciña Omdurman, onde perderon a vida once.
Os choques que tiveron lugar nas zonas afastadas dos núcleos urbanos deixaron polo menos outros 25 mortos entre civís e militares, indicou a mesma fonte.
"Facemos un chamado ao predominio da voz da razón e ao cesamento inmediato do fogo absurdo, que cobrou a vida de civís inocentes e desarmados, e débense abrir salvocondutos para evacuar detidos e feridos para brindarlles os primeiros auxilios", dixo a organización.
"Conxuntura perigosa"
O punto determinante do conflito tras semanas de tensión produciuse o domingo cando as FAR acusaron o Exército sudanés de atacar unha das súas bases en Khartum. As Forzas Armadas aseguran que o fixeron en resposta a unha agresión na capital sudanesa.
Estes enfrontamentos desencadéanse tan só dous días despois de que o Exército advertira da "conxuntura perigosa" que atravesa o país, logo da "mobilización" de unidades das FAR na capital sudanesa e noutras cidades sen o consentimento ou a coordinación das Forzas Armadas.
Esta acción produciuse no medio das negociacións para alcanzar un acordo político definitivo que leve o Sudán a unha transición democrática, un acordo cuxa firma foi posposta en dúas ocasións este mes de abril precisamente polas tensións e rivalidades entre o Exército e as FAR.