Medio Rural desprega unha rede de trampas xeolocalizadas para velutinas
Son selectivas para evitar que caian nelas os insectos que son importantes para o ecosistema
Están destinadas a capturar as avespas velutinas raíñas, que nesta época están a construír os niños primarios
O ano pasado retiráronse en Galicia máis de 30.000 niños de velutina. Aproveitando os datos da xeolocalización deses avespeiros empréndese hoxe un proxecto para despregar en todo o territorio unha rede de trampas para as avespas raíñas. Xusto nesta época do ano comezan a construír os niños primarios.
As trampas para evitar que os niños proliferen van xeolocalizadas, en coordenadas que teñen en conta os lugares en que o ano pasado se retiraron os avespeiros desta especie invasora. É un método co que pretenden avanzar no control desta praga.
"É importante de cara a anos posteriores ter esa información: o reconto das avespas que caeron nestas trampas, ver a distancia aos niños que retiramos o ano pasado e que tamén temos xeolocalizados... Así pretendemos avanzar nunha estratexia a medio prazo para controlar esta praga, seguindo estritamente criterios técnicos e científicos", explicou Xosé González, o Conselleiro do Medio Rural.
As trampas deben evitar capturar especies que son importantes para o ecosistema, por iso non recomendan as caseiras. Levan un atraente feito con arando, azucre e lévedo. E tamén ramplas para que poidan saír os outros insectos.
Os operarios de SEAGA e tamén membros do Servizo de Prevención de Incendios e dos concellos recibirán formación especifica para despregar as trampas facer despois o seguimento.