Publicador de contidos

Publicador de contidos

A venda de predios, montes e vivendas no rural acada cifras históricas

A venda de predios, montes e vivendas no rural acada cifras históricas

A compravenda de leiras rústicas, terreos forestais e casas no campo disparouse un 36 % 

Tras a pandemia, segundo varias expertas, medrou o interese polas propiedades no rural

G24.gal 29/12/2024 10:32 Última actualización 29/12/2024 12:16

A economista  Maite Cancelo subliña que, segundo os datos do Instituto Nacional de Estatística (INE), a compravenda de predios rústicos acadou o máximo da serie histórica.

Na entrevista dos domingos da Radio Galega, a experta explicou que os prezos destas propiedades acostuman ser menores e máis variados.

"O IBI tamén é menor que nas zonas urbanas e son investimentos que non perden valor".

Segundo Maite Cancelo, tras a pandemia e co aumento do teletraballo, as contornas rurais están máis solicitadas para establecer a vivenda habitual.

Tamén "para a construción de cámpings e aloxamentos turísticos". Recordou que o turismo rural está en crecemento e que ofrece unha alta rendibilidade. 

"As leiras rústicas sempre foron un investimento seguro, con poucos riscos e alta rendibilidade".

A economista  explicou que este tipo de propiedades non perden valor porque "non están suxeitas ás novidades lexislativas que acoutan o prezo do alugueiro".

Engadiu que "os nosos maiores sempre investiron moito en leiras porque era un forma segura de ter os cartos sen os vaivéns  da Bolsa e dos produtos financeiros que impactaron nos aforros".

Maite Cancelo advertiu de que no mercado inmobiliario (urbano) se están a detectar riscos por mor das tensións xeopolíticas e o impacto do cambio climático. Sinalou que "moitos edificios non están acondicionados e poden ter problemas para alugar e mesmo vender" no futuro.

Ademais, engadiu, son propiedades máis susceptibles a derramas "nun momento no que a innovación está entrando con forza na nova construción con vivendas máis sostibles e eficientes".

Cancelo tamén explicou que o mercado inmobiliario urbano  non recuperou os niveis previos á pandemia porque está moi asociado a oficinas e tendas.

"O aumento do comercio electrónico e do teletraballo está impactando nestas propiedades".

A experta avanzou que outro mercado en auxe é o dos almacéns, para ofrecer servizo aos comercios en liña.

Vivendas no rural 

Enma Martínez, presidenta da Asociación Galega de Inmobiliarias AGALÍN, afirma que non só aumenta a compra de leiras e montes, tamén de vivendas de pedra no rural para rehabilitar.

En declaracións á Radio Galega,  explicou que, tras a pandemia, a clientela "busca espazos máis grandes para establecer a súa residencia aínda que isto implique vivir máis lonxe".

"Está o perfil do investidor que merca para alugar e o que compra para montar negocios de turismo rural".

O descenso do Euríbor está animando aos investidores. Segundo a presidenta de AGALÍN, "é bo momento para mercar. Os prezos non van baixar, máis ben tocarán teito".

Enma Martínez tamén sinala  que se están a incrementar as operacións na contorna do Camiño de Santiago, tanto no relativo a fincas  como a vivendas.

Neste caso, conta, máis que unha segunda residencia o que se busca son propiedades para establecer negocios, sobre todo, casas de turismo rural.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade