Milleiros de bateeiros esixen á Xunta unha solución ao conflito da cría do mexillón
O sector denuncia que o 50 por cento das bateas están xa baleiras
O 30 de abril remata o prazo de recollida da cría do mexillón e os bateeiros aseguran que xa está esgotada
Continúa coas súas reivindicacións o Clúster do Mexillón. Volveu saír este domingo á rúa. Milleiros de bateeiros manifestáronse en Santiago para esixirlle á Xunta unha solución ao conflito da mexilla. Din que se non se amplían as zonas de traballo para a recollida da cría do mexillón, o futuro do sector "está acabado".
O sector do mexillón asegura que a súa supervivencia está en perigo. Así o denunciaron nunha multitudinaria manifestación milleiros de persoas polas rúas de Santiago.
Os bateeiros aseveran que a cría do mexillón está practicamente esgotada. Esixen que a Consellería do Mar cambie a normativa actual e os autorice a ampliar as zonas de traballo. Queren acceder a aquelas ás que acudían antigamente. No sector aseguran que a convivencia cos percebeiros nesas zonas é posible e que hai recursos para todos.
"Nós esas zonas xa as puxemos enriba da mesa desde o minuto un, de compartir as zonas, queremos respectar ao máximo o seu recurso pero se hai semente, nós poder recoller esa semente; se non, o futuro do mexillón está acabado", dixo Ricardo Herbón, presidente da Organización de Produtores do Mexillón de Galicia.
Lembran que a campaña remata o 30 de abril e que nas zonas autorizadas para a súa extracción non hai mexilla suficiente que chegue a cubrir as necesidades dos milleiros de bateas que hai en Galicia. Din que o 50 % delas xa están baleiras.
"É doado de entender que sen a semente non hai mexillón, non hai futuro para o sector mexilloeiro, pedimos seguir traballando e nós sempre respectamos o sector percebeiro", engade Juan José Piñeiro, presidente da Asociación de Mexilloeiros de Cabo de Cruz.
Confían en que a Consellería do Mar reconsidere a súa posición. Se non, de seguir así, din, está en perigo a produción da vindeira campaña.