Morre un home tras chocar co seu tractor contra un coche estacionado en Paderne de Allariz
O condutor do vehículo agrícola puido sufrir unha indisposición cando circulaba pola localidade ourensá e colidiu contra un turismo aparcado
O condutor dun tractor que circulaba por unha estrada do concello ourensán de Paderne de Allariz faleceu este sábado ao chocar contra un coche estacionado, informaron os servizos de emerxencias.
A vítima, da que se descoñece a súa idade, podería sufrir unha indisposición e falecer por causas naturais mentres conducía, segundo as primeiras hipóteses de testemuñas e investigadores, e o seu vehículo proseguiu ata chocar contra o coche e parar.
Mario Otero, veciño de Ousende: "El viña moi amodiño, non lle fixo practicamente nada ao coche. Non sei se foi por algo que lle pasou. Estaba con el a súa muller, que lle viña axudar e foi a primeira que o atopou".
O accidente produciuse contra as 09:00 horas deste sábado nun treito da estrada entre Penelas e Ousende e, tras a alerta do sinistro, equipos médicos, incluído a bordo dun helicóptero, foron mobilizados para acudir a prestar asistencia e fixeron varios intentos de reanimalo sen conseguilo.
Xosé Manuel Gil, Bombeiros de San Cibrao: "Tiña pulso pero non tiña respiración. Fíxenlle a masaxe ata que veu o helicóptero e o monitorizou. Pero non foi posible recuperalo, por desgraza".
O home andaba a rozar unha silveira que quedou precintada, e parou xusto nun niño de velutinas, pero descoñécese polo momento se sufriu algunha picadura. Haberá que esperar o resultado da autopsia.
Ata o lugar desprazáronse ademais dos efectivos sanitarios, membros dos bombeiros de San Cibrao, o GES de Maceda, Protección Civil de Allariz e axentes da Garda Civil de Tráfico.
🔴#AXEGAInforma dun home falecido ao chocar o tractor que conducía contra un coche estacionado
— 112 Galicia (@112Galicia) August 17, 2024
📍 Coucieiro, Paderne de Allariz
🚨 Urxencias Sanitarias de Galicia-061, @guardiacivilde Tráfico, #BombeirosSanCibrao, #GESMaceda e #ProtecciónCivilAllariz
➡️ https://t.co/UbWBsaHMJI pic.twitter.com/8pEDikEDpj
