Morre un operario ao caerlle unha árbore enriba no alto da Curota en Ribeira
Os servizos médicos do 061 só puideron confirmar o seu falecemento
O Instituto Galego de Seguridade e Saúde laboral abriu unha investigación para aclarar as causas deste accidente laboral mortal
Pasaban poucos minutos das catro da tarde de onte cando un traballador dunha empresa madeireira alertaba o 112 de que ao seu compañeiro lle acababa de caer un eucalipto enriba e que estaba inconsciente. O suceso tivo lugar no monte da Curota, en Ribeira, nunha zona de difícil acceso.
Fernando Bouzo, do grupo de axuda e emerxencias de Ribeira, di que unha vez chegados ao lugar comprobaron que se trataba dun home que estaba realizando unha tala na zona e que estaba atrapado baixo un eucalipto.
Amais do grupo municipal de axuda e emerxencias de Ribeira, ata o lugar desprazáronse axentes da Policía Local e Nacional, e os bombeiros de Ribeira e Boiro, que tiveron que excarcerar o corpo.
Óscar Casais, sarxento xefe do parque de bombeiros de Ribeira, contounos que comezaron os labores de rescate nada máis chegar e que unha vez que conseguiron sacarlle a árbore de enriba os servizos sanitarios comezaron a reanimación pero sen éxito. Di que so puideron confirmar o seu falecemento.
A vítima tiña 40 anos e era de nacionalidade marroquí. Debido ao complicado da orografía, foi necesaria a intervención do helicóptero Pesca I dos Gardacostas de Galicia para evacuar o corpo.
Fernando Bouzo apunta que foi un rescate moi laborioso, de máis de catro horas. Di que nun primeiro momento valoraron sacalo a pulso ata os vehículos pero déronse conta de que era imposible. Óscar Casais puntualiza que como xa estaba botándose a noite decidiron evacualo en helicóptero
O Instituto Galego de Seguridade e Saúde laboral abriu unha investigación para aclarar as causas deste accidente laboral mortal.
🔴 #AXEGAInforma do falecemento dun traballador en Ribeira.
— 112Galicia (@112Galicia) May 13, 2024
📍 Alto da Curota, parroquia de Oleiros.
🚨 Urxencias Sanitarias de Galicia-061, Bombeiros de Ribeira e Boiro, @GardacostasGal, @policia, Policía Local e GAEM de Ribeira.
🔗 https://t.co/6rbUdCmoYP pic.twitter.com/tXzSQ7yPmW