Mozos franceses fórmanse en Galicia para seren gandeiros
Dous rapaces de 16 anos aprenden as técnicas galegas en Palas de Rei
Proceden da zona de maior produción de Europa, a 1.700 quilómetros de Galicia
Estes mozos veñen do Franco Condado, a zona de máis produción de leite de Europa, onde conflúen Suíza, Francia e Alemaña. Aínda así, optaron por formarse en Galicia, atraídos polos altos índices de produción galegos en explotacións con pouca terra. Valoran moi positivamente a experiencia e cren que o aprendido será de moita utilidade.
"Realicei todas as tarefas que se realizan na granxa. Unha experiencia moi positiva", conta Lucas Faivre, futuro gandeiro.
Os rapaces viñeron a Palas de man dun programa europeo en que participa a escola Fonteboa. Con eles chegaron dúas profesoras tamén francesas que avalían o seu traballo na explotación.
"A miña función é supervisar que cumpriron co traballo asignado e que aproveitaron este programa da Unión Europea", explica Salomé Nommée, a titora dos mozos.
Na granxa están encantados co labor dos mozos e cren que os intercambios son moi útiles para que os futuros gandeiros coñezan outras formas de traballo e para que decidan, tamén en Galicia, seguir no sector.
"Unha experiencia moi positiva e uns rapaces moi traballadores. Gustaríanos repetila", asegura Carlos Dablanca, da SAT San Miguel.
Tanto Lucas como Yanis xa pensan en regresar a Galicia o vindeiro ano para seguir aprendendo.