Leite fresco directamente do Páramo a locais de hostalería de toda España
Unha pequena explotación hai quince anos decidiu comercializar directamente o seu leite ao considerar que a industria non pagaba como debía a alta calidade do seu produto
Venden leite pasteurizado non homoxeneizado a cafeterías e pastelerías, que valoran a súa cremosidade e sabor
Os gandeiros galegos quéixanse dende hai anos de que o leite do país non está suficientemente valorado nin pagado pola industria. Foi o motivo principal que impulsou unha pequena explotación do Páramo a lanzarse a vender directamente o seu leite fresco. Quince anos despois distribúen leite a establecementos de hostalería, non só por toda Galicia, senón tamén a moitos puntos de España.
Chelo e o seu marido sabían que tiñan un produto de boa calidade polo que non obtiñan o prezo que pensaban que correspondía. Así que decidiron vendelo eles para que chegase directamente ao consumidor. Os principais clientes son locais de hostalería. Son xa unha marca situada no mercado dos cafés de especialidade.
Chelo López, copropietaria da gandería Quintián, di que venden leite pasteurizado non homoxeneizado, o cal fai que conserve toda a súa estrutura e todas as propiedades organolépticas. O 80 % dos cafés que se toman son con leite, e os baristas valoran poder botarlle un leite de primeira calidade, a súa cremosidade e a textura.
Distribución directa tamén a través de pequenas tendas e a pastelerías ou xeaderías. Antía Lence, hostaleira de Lugo di que este leite lles proporciona unha calidade extraordinaria. "Dáte conta de que nós facemos o pedido o día anterior, ela moxe as vacas, pasteuriza o leite e tráenolo ao obradoiro. Todo un luxo".
Chelo López comenta que os que lles compran o seu leite fano pola calidade, non polo prezo. "Teñen moi claro o que queren, diferenciarse e dar aos seus produtos un valor engadido".
O leite da súa explotación de apenas 120 vacas e cinco empregados chega xa dende O Páramo ata Marbella. Hai cinco anos introducíronse no mundo dos queixos, onde non cesan de recibir premios e recoñecementos que recompensan o seu esforzo por defender non só o seu produto, senón tamén unha forma de vida comprometida co medio rural. "Demostrar que en Galicia hai moitas posibilidades e só temos que crer no que temos arredor e poñelo en valor".