Na procura dun pregón de Manuel María de hai 30 anos
Veciños de Parga piden axuda para atopar o escrito que o autor lles dedicara
Distintas asociacións de Parga únense hoxe para facerlle un tributo a Manuel María porque hai 30 anos o escritor pronunciara un pregón neste lugar. O caso é que ese pregón é agora o documento máis buscado na localidade.
Suso foi quen trouxera a Manuel María dende Monforte. "Fixo o pregón, visitou unhas persoas que quería ver, e veu comer á miña casa, e pola tarde recolleuno Saleta, a súa dona, para ir á Coruña, pasar a fin de semana", explica.
"O pregón perdémolo. Naquel momento miña nai tiña un bar, e eu tiven que irme traballar alí, e a persoa que estaba na comisión de festas nunca atopou o pregón, porque supoñemos que llo dera a el. Cando faleceu esa persoa buscámolo entre os seus papeis e non apareceu", relata Suso.
Na Fundación Manuel María tampouco o teñen, e agora xa non saben onde buscar. Tamén organizaron unha exposición-homenaxe.
Os actos comezan esta tarde ás seis. Haberá documentais, música e poemas.