Cando e como celebran o seu aniversario os nacidos o 29 de febreiro?
Hoxe é un día especial para aqueles que só poden celebrar o seu aniversario no propio día de nacemento cada catro anos
"Hoxe estou de aniversario. E cando non hai 29 de febreiro, felicítanme antes ou despois. Nunca saben".
Puri naceu o 29 de febreiro de 1972: "Hoxe tería 13 anos. Pero os anos pasan igual. Os fillos xa serían máis vellos ca min!".
Hoxe, por certo, agarda recibir deles algunha sorpresa, como lle facía súa nai cando era nena.
"A miña nai dicía: como non tes día, non hai festa. E eu quedaba triste, pero logo sempre me festexaban ás agachadas. Fai ilusión".
Porque cumprir cada catro anos non é algo común. Segundo a Sociedade Honoraria dos Nacidos en Día Bisesto, un club en liña, con 10.000 socios, son os elixidos nun de cada 1.500 nacementos.
"A min gustaríame, porque só cumpriría cada 4 anos". "Bioloxicamente son os mesmos, pero pérdeste a celebración". "O ano seguinte terás que cumprir o 28 ou o día 1, porque non hai 29", comentan varias veciñas de Ourense.
Unha celebración tan extraordinaria, que dá para todos os gustos: "Sería xenial ter unha data tan sinalada, porque así ninguén se esquecería do día que naciches", di unha moza. "Só o celebraría unha vez cada catro anos e non tería regalos todos os anos", lamenta un cativo.
O regalo, en realidade, recibímolo todos: un día extra este 2024.