Publicador de contidos

Publicador de contidos

O 80 aniversario da liberación de Auschwitz reúne unha vintena de xefes de Estado, incluídos os reis

O 80 aniversario da liberación de Auschwitz reúne unha vintena de xefes de Estado, incluídos os reis

O acto principal será esta tarde, cando un grupo de sobreviventes e representantes de diferentes países homenaxearán as vítimas deste campo de exterminio nazi

Pedro Sánchez: "Non deixaremos que isto pase de novo"
 

Vista aérea da entrada do campo de exterminio nazi de Auschwitz I. REUTERS/Kacper Pempel Vista aérea da entrada do campo de exterminio nazi de Auschwitz I. REUTERS/Kacper Pempel
G24.gal 26/01/2025 09:17 Última actualización 26/01/2025 09:50

Os reis de España viaxan este luns a Auschwitz (Polonia) para participar nos actos de conmemoración do 80 aniversario da liberación do campo de exterminio nazi, onde foron asasinadas máis dun millón de persoas.

Filipe VI e Letizia viaxarán acompañados do ministro de Política Territorial e Memoria Democrática Ángel Víctor Torres a este acto, que contará coa presenza de representantes de medio cento de países. Será a segunda ocasión en que ambos visiten Auschwitz, onde xa estiveran en 2020.

Agárdase a asistencia dunha vintena de xefes de Estado europeos. Está prevista a asistencia de Carlos III de Inglaterra, dos reis belgas Filipe e Matilde, dos holandeses Guillerme Alexandre e Máxima, do príncipe herdeiro Haakon de Noruega, dos reis Federico e Mari de Dinamarca, do herdeiro do Gran Ducado de Luxemburgo Guillerme e da princesa Vitoria de Suecia.

Mandatarios europeos

Tamén confirmaron a súa presenza os presidentes de Italia Sergio Mattarella, de Francia Emmanuel Macron, de Alemaña Frank-Walter Steinmeier, de Austria Alexander van der Bellen e de Polonia Andrzej Duda, do presidente do Consello Europeo António Costa e da presidenta do Parlamento Europeo Roberta Metsola.

Ademais, asistirá o primeiro ministro do Canadá Justin Trudeau, o ministro de Educación israelí Yoav Kisch e o enviado para Oriente Medio dos EUA Steve Witkoff.

Na súa conta da rede social X, o presidente do Goberno, Pedro Sánchez, lembrou as vítimas do Holocausto e mostrou o seu compromiso con non deixar que "isto pase de novo".

Nunha mensaxe en inglés, o xefe do Executivo lembrou "o horror do Holocausto" e chamou a non esquecer nunca "a crueldade do réxime nazi "contra persoas desprotexidas "só porque eran xudías ou pertencían a algunha minoría".

"Honramos a todas as vítimas e as súas familias nun día tan importante. Non deixaremos que isto pase de novo", asegurou na súa mensaxe, sostendo que a loita contra o antisemitismo "é un deber moral" e que todos os xudeus arredor do mundo "se deberían sentir a salvo e seguros".

Sobreviventes

A cerimonia arrincará ás 16:00 horas deste luns. Os protagonistas deste 80 aniversario serán os sobreviventes deste campo de concentración establecido polos nazis en 1940, que foi o escenario do exterminio de polo menos 1,1 millóns de persoas, principalmente xudías.

A súa liberación polo exército soviético en 1945 marca un fito crucial na historia do Holocausto, que se conmemora internacionalmente cada día 27 de xaneiro.

Garita do antigo campo de concentración. REUTERS/Kacper Pempel Garita do antigo campo de concentración. REUTERS/Kacper Pempel

Símbolo do aniversario

Nesta ocasión, o símbolo do aniversario será un vagón de tren de mercadorías que se colocará diante da porta principal do campo de Auschwitz II-Birkenau.

Desde 2009, este vagón de tren atopábase no medio da rampla de descarga do antigo campo de Birkenau, no lugar onde os médicos das SS seleccionaban os xudeus deportados e dirixían a maioría deles á morte nas cámaras de gas.

O vagón do tren está dedicado á memoria duns 420.000 xudeus de Hungría que foron deportados a Auschwitz de maio a xullo de 1944.

Acto principal

O acto principal desenvolverase pola tarde, cando os sobreviventes e representantes dos diferentes países homenaxeen as vítimas.

Non é a primeira vez que os reis de España acoden a esta conmemoración, xa que hai cinco anos estiveron no mesmo campo de exterminio con motivo do 75 aniversario da súa liberación.

Entón renderon tamén homenaxe ás vítimas do Holocausto cunha ofrenda floral no denominado Muro da Morte, no que foron fusiladas miles de persoas. Tamén atravesaron a pé a porta de Auschwitz I, na que se atopa a inscrición en alemán "O traballo faivos libres".

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade