Narcos do Salnés, entre as vítimas da macroestafa de Santiago
Hai un detido e catro persoas de Santiago investigadas, tres dunha mesma familia
Os estafados son, sobre todo, empresarios que crían que estaban investindo en material sanitario
Aproveitaron a sensibilidade que había coa pandemia para vender un produto financeiro que non existía.
"É unha modalidade de estafa que é moi sinxela porque consiste en ofrecer un produto de inversión, garantir unha rendibilidade alta nun curto espazo de tempo pero ese produto non existe e os xuros son cartos doutros investidores", explica Manuel Basante, sarxento xefe da Policía Xudicial da Garda Civil de Santiago.
O boca a boca funcionou e en pouco tempo conseguiron estafar uns 3 millóns de euros, pero a avaricia fixo que eles mesmos se delataran.
"Os administradores da empresa presentan unha denuncia porque un traballador deles fuxiu a Italia cunha cantidade importante de cartos, sospeitan, porque están recibindo chamadas de moitas persoas que lles reclaman os seus cartos. Eles na denuncia di que non saben pero si saben", relata Basante.
O cazador, cazado porque os dous administradores están no allo. Tamén a muller e a filla dun deles. Ao traballador que fuxira aItalia cunha parte dos cartos acaban de detelo en Valladolid. Trátase dun sevillano, de bo trato, que tiña o seu asentamento base nun chalé de Biduído, o lugar onde chegaban maletas cheas de feixes de billetes, unha boa parte cartos en negro.
"No Salnés, había tres persoas que colaboraban con eles e que teñen vínculos moi potentes co narcotráfico e co crime organizado. Captaron investimentos moi importantes de xente ligada ao narcotráfico no Salnés", engade o sarxento xefe da Garda Civil.
Calculan que nalgunha viaxe puideron traer 300.000 euros. O resto de estafados son empresarios da provincia da Coruña, sobre todo investidores que saben de negocios e que viron futuro nas máscaras.
Trinta presentaron denuncia. Outros non, porque non poden explicar de onde sacaron os cartos.
"Non denuncian porque non poden xustificar a orixe lícita deses cartos", confirma Manuel Basante.
Os investigados están relacionados co sector médico-estético. É xente coñecida en Santiago, reputada, e tamén ostentosa, que se move en círculos onde hai cartos. Foi a súa gran baza.