Norvento prevé crear ata o 2026 case 6.000 empregos, un milleiro en Lugo
O presidente da Xunta visitou a sede da empresa no polígono lugués das Gándaras
A empresa galega de enerxías renovables Norvento prevé crear nos próximos dous anos preto de 6.000 empregos, mil deles en Lugo. Así figura no plan industrial que este mércores lle presentaron dos directivos da compañía ao presidente da Xunta, que compromete o apoio do seu Goberno a unha transición enerxética respectuosa, di, co medio ambiente.
Ata o 2026 Norvento prevé investir 521 millóns de euros en novos proxectos de xeración e almacenamento de enerxía renovable, entres eles un edificio que producirá hidróxeno verde e unha fábrica autosuficiente e cero emisións, que se construirá preto da súa sede, no polígono As Gándaras de Lugo.
A nova fábrica ocupará 40.000 metros cadrados, o que permitirá aumentar a capacidade de produción e facer equipos de enerxía máis grandes, segundo explicou Pablo Fernández, presidente de Norvento, que engadiu que nela van investir 51 millos de euros e que vai crear un milleiro de postos de traballo.
Esa fábrica foi declarada proxecto empresarial singular pola Xunta para axilizar trámites de construción. O presidente Rueda destaca a aposta por medidas de apoio á transición verde, como a lei de recursos naturais para que os beneficios das enerxéticas queden en Galicia.
"A sociedade mixta (creada en paralelo á lei de recursos naturais) xa hai 20 millóns en achegas de capital privado para xestionar proxectos de renovables e conseguir que parte dos beneficios queden no territorio é a eólica con sentidiño que queremos seguir promovendo", dixo o presidente da Xunta.
Alfonso Rueda salienta que boa parte da enerxía renovable que se vai producir será usada por empresas que se queren instalar en Galicia.