As brétemas dan un respiro no litoral, pero seguen os avisos no interior
A costa respira por debaixo dos 25 graos grazas ás néboas
Na zona do Miño e na comarca de Valdeorras, Meteogalicia ten decretado o aviso laranxa por temperaturas superiores aos 39 graos
Onte superáronse os 41 graos na cidade de Ourense e na vila de Ribadavia
Continúa o sol e a calor en toda Galicia. Porén, o sol quixo perdoar a algúns afortunados con brétemas que baixaron as temperaturas lixeiramente.
Ao mediodía en Panxón moitos miraban entre o ceo e o mar a ver se a néboa se esfumaba para que o sol, que por aí atrás andaba, comezase a quentar.
Pero entre a condensación pola calor acumulada onte e a entrada de brétemas costeiras converteron a xornada nun día de praia a pouco máis de vinte graos. Algúns marcharon e outros moitos, quedaron.

E é que así será durante todo o domingo no sur do litoral de Pontevedra. As temperaturas chegarán como moito aos 25 graos.
No interior da provincia, no entanto, ao continuar baixo a influencia dun anticiclón e dunha masa de aire quente de África, as temperaturas volven ser altas, en torno ou superando os 30 graos. Un sol e calor que se manterá no interior como mínimo ata o vindeiro xoves.
En Ourense, as cifras máis altas
Unha calor intensa que un día máis mantén practicamente toda a provincia de Ourense con avisos por altas temperaturas. Onde ese risco é máis alto é na comarca de Valdeorras e na zona do Miño con aviso laranxa por temperaturas máximas superiores aos 39 graos.
Nun ano tan seco coma este hai que buscarlle nova utilidade aos paraugas. Enxeñosos e dobremente precavidos ante este episodio de calor atopamos en Ourense varios.

E é que toda precaución é pouca para as máximas que se agardan para esta tarde, ata 41 graos na zona do Miño e en Valdeorras onde hoxe de novo hai decretado por Meteogalicia un aviso laranxa de tres a nove da tarde.
No resto da provincia de Ourense o aviso é amarelo por temperaturas por riba dos 36 graos. Metidos nas casas que tampouco é que refresquen moito nin para poder durmir con xeito.
Iso pola noite, polo día agocharse nas sombras ou refrescarse no Miño son as principais opcións que escolleron os que non tiveron máis remedio que quedar nesta cidade que esta fin de semana bota lume.