Investigan un roubo con violencia nunha vivenda en Lobios na que o dono, de 74 anos, quedou ferido
A vítima permanece hospitalizada
As pescudas só revelaron que os asaltantes eran tres
A Garda Civil investiga un roubo con intimidación nunha vivenda de Lobios (Ourense), cuxo dono foi supostamente agredido por parte das tres persoas que participaron no asalto.
O 061 confirmou que recibiu unha chamada, sobre as 1:19 horas, para asistir un veciño de 74 anos de idade dese concello tras sufrir un ataque na súa vivenda, polo que servizos sanitarios tales como unha ambulancia asistencial de soporte vital básico e persoal sanitario do Punto de Atención Continuada (PAC) de Bande acudiron ata o lugar e trasladaron ao ferido ao Complexo Hospitalario Universitario de Ourense (CHOU).
Segundo el mesmo contou mentres o trasladaban na ambulancia, baixou ao patio porque sentiu ladrar os cans e foi entón cando o atacaron. A súa vivenda trátase dunha casa unifamiliar, situada ao pé da estrada que comunica Lobios con Riocaldo, moi preto da fronteira con Portugal.
"Preocupa, sinceramente, porque el tiña uns cans grandes, pero non sei que lles fixeron aos cans". "Eu quedei branco esta mañá, está a cinco casas da miña. Aínda que teñas alarma, é un susto moi grande", sinalan outros dous veciños.
A Garda Civil aínda ten que tomarlle declaración ao ferido, que está ingresado na unidade de reanimación do complexo hospitalario ourensán. Saben que lles roubaron xoias, móbiles, documentación e cartos en efectivo, pero descoñecen aínda a contía.
A Garda Civil fíxose cargo das pescudas e, de momento, só transcendeu que os asaltantes eran tres e que lles roubaron xoias, móbiles, documentación e cartos en efectivo, pero os investigadores están á espera de poder tomar declaración á vítima, que permanece ingresado na unidade de reanimación do complexo hospitalario ourensán.