O Celta chega a un acordo cos comuneiros para completar Afouteza
A Comunidade de Montes de Tameira retirará a totalidade das accións xudiciais para posibilitar o proxecto do club vigués

No ano 2020 comezaron as obras para a construción da primeira fase de Afouteza, situada no Concello de Mos. En febreiro de 2021 finalizábase esa primeira parte cun edificio principal, vestiarios e os campos de adestramento onde arestora se prepara o Celta. Pero esa edificación sempre estivo acompañada da polémica polas demandas xudiciais da Comunidade de Montes de Tameiga, contraria á realización do proxecto.
A piques de iniciar a segunda fase cun investimento duns 115 millóns de euros e con data de finalización en 2028, o Celta e os comuneiros chegaron a un acordo definitivo que pon fin a un "cru conflito, negativo e prexudicial para ambas as partes" reza un comunicado do Celta.
O club vigués modificou o proxecto sen renunciar ás instalacións previstas mantendo o contido de cualificación de Interese Autonómico pero liberou algo máis do 80 % de porcentaxe de chan da Comunidade de Montes. Esta, pola súa parte, retirará a totalidade de accións xudiciais que están en marcha e renuncia a emprender ningunha outra no futuro para o correcto desenvolvemento da Cidade Deportiva Afouteza.
A segunda fase inclúe o campo de fútbol para o filial e o equipo feminino, cinco novos campos de adestramentos, o Centro de Formación ou unha residencia para os xogadores da canteira.