Publicador de contidos

Publicador de contidos

O conservador Luís Montenegro formará Goberno en Portugal

O conservador Luís Montenegro formará Goberno en Portugal

O líder da Alianza Democrática, a máis votada nos comicios do pasado día 10, foi nomeado primeiro ministro polo presidente da República

Presentará os membros do gabinete nunha semana e a toma de posesión será o 2 de abril

Marcelo Rebelo de Sousa designouno antes de coñecerse o resultado do voto exterior, que lles deu un escano a conservadores e socialistas e dous á ultradereita

A Alianza Demócratica queda con 80 asentos dos 230 do Parlamento, o PS con 78 e Chega con 50 

O novo primeiro ministro de Portugal Luís Montenegro, no seu encontro esta semana co presidente da República Marcelo Rebelo de Sousa O novo primeiro ministro de Portugal Luís Montenegro, no seu encontro esta semana co presidente da República Marcelo Rebelo de Sousa
G24.gal 21/03/2024 06:34 Última actualización 21/03/2024 09:13

O presidente de Portugal Marcelo Rebelo de Sousa nomeou este mércores á noite o líder da coalición de centrodereita Alianza Democrática (AD) Luís Montenegro primeiro ministro do país.

Nun comunicado na páxina web da Presidencia, Rebelo de Sousa indicou que tras o triunfo de AD nas eleccións lexislativas do 10 de marzo, tanto en número de escanos como en votos, decidiu nomear xefe do Goberno a Luís Montenegro. Sinalou que tamén tomou esta resolución despois de que o secretario xeral do Partido Socialista (PS) e rival de Montenegro nos comicios, Pedro Nuno Santos, confirmase que ía ser líder da oposición.

A nota agrega que o mandatario mantivo consultas cos partidos que se presentaron ás eleccións do 10 de marzo e que lograron escanos. Como novo primeiro ministro, o seguinte paso será que Montenegro presente a Rebelo de Sousa a composición do seu futuro Goberno. 

O recentemente nomeado primeiro ministro de Portugal Luís Montenegro, líder da coalición de centrodereita gañadora das eleccións lexislativas, informou que o seu futuro Goberno tomará posesión o 2 de abril, despois de ser anunciada a súa composición o próximo 28 de marzo. Montenegro fixo o anuncio nunha breve comparecencia ante os medios de comunicación tras ser nomeado primeiro ministro polo presidente portugués Marcelo Rebelo de Sousa.

O voto no estranxeiro confirma a vitoria de Montegro con 80 escanos

O voto dos residentes portugueses no estranxeiro confirmou a vitoria da coalición de centrodereita Alianza Democrática (AD), liderada por Luís Montenegro, nas eleccións lexislativas en Portugal, cun total de 80 escanos.

O escrutinio dos sufraxios dos emigrantes lusos, dos que dependían os catro escanos que faltaban por adxudicar no Parlamento portugués, con 230 deputados, foi anunciado despois da medianoite polo Ministerio de Administración Interna (Interior).

Deses catro asentos, un foi parar a AD, outro ao Partido Socialista (PS) e outros dous ao ultradereitista Chega. Así, AD suma un total de 80 deputados no Parlamento, seguida polo PS con 78 e Chega con 50. Por detrás quedan Iniciativa Liberal (IL), con oito asentos; o Bloco de Esquerda (BE), con cinco; CDU-PCP, a alianza dos comunistas cos verdes, con catro; o ecoloxista Livre, con catro deputados, e o animalista PAN, con un.

Coa súa vitoria, o dirixente conservador pon fin a oito anos de Executivos socialistas liderados por António Costa.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade