O Deportivo busca en Tenerife asentarse como un dos mellores visitantes da Segunda
O equipo coruñés vai á procura da quinta vitoria lonxe de Riazor no partido adiado polo temporal nas Canarias
O Deportivo afronta no campo do Tenerife (mércores, 21:00 horas) asentarse como un dos mellores visitantes da Segunda División e aumentar a sete puntos a marxe que ten cos postos de descenso. A versión lonxe de Riazor está a ser moi boa, con quince puntos apañados en once partidos. Agora mesmo é o sexto mellor da categoría cando xoga fóra da casa e, no caso de gañar, subiría un posto.
Pero as malas prestacións na casa fan que o equipo de Gilsanz se atope nunha posición comprometida. A derrota contra o Levante e o triunfo do Eldense da última xornada reduciron a marxe co descenso a só catro puntos.
A situación do rival, o Tenerife, é dramática. Leva tres adestradores esta temporada, pero ningún deles conseguiu endereitar o rumbo no campionato. Está a doce puntos da salvación, unha distancia que a estas alturas poucos equipos lograron recuperar na historia da categoría. A chegada de Álvaro Cervera e as fichaxes invernais non conseguiron revitalizar un cadro ao que só lle vale a vitoria para soñar coa permanencia.
O partido poderemos seguilo desde as 20:30 en directo por agalegaaudio.gal.