O G7 acorda limitar o prezo do petróleo ruso
Con esta medida pretenden frear o financiamento da guerra e rebaixar o encarecemento da enerxía

O Grupo dos Sete (G7) chegou a un acordo para instaurar unha limitación de prezos ao petróleo ruso e outros produtos derivados, segundo o comunicado publicado polo club de países ao termo da reunión de ministros de Finanzas que tivo lugar este venres.
A limitación de prezos realizarase de forma efectiva mediante unha prohibición xeneralizada de prestar servizos que permitan o transporte marítimo destes produtos de orixe rusa. Unicamente se permitirá prover servizos de transporte se o petróleo e os derivados se mercan a un prezo igual ou menor ao fixado pola coalición.
No seu comunicado, os ministros de Finanzas das nacións do G7 non detallaron o prezo límite. Unicamente sinalaron que a cifra se decidirá conforme un abano de detalles técnicos. "O límite de prezos comunicarase publicamente dunha forma clara e transparente", indicou o G7. Ademais, estes prezos revisaranse en caso de ser necesario.
Frear o financiamento da guerra
O club de países do que forman parte os EUA, o Reino Unido, Francia, Italia, Canadá, Alemaña e o Xapón, coa UE de invitada, asegura que esta medida está "especificamente deseñada" para reducir os ingresos de Rusia e a súa capacidade de financiar a guerra, á vez que limita o impacto nos prezos globais de enerxía.
Con todo, o viceprimeiro ministro de Rusia, Alexander Novak, xa avisou o xoves de que Rusia non exportaría petróleo a ningún país que se adhira a esta limitación de prezos.
A Unión Europea apoia a medida
Do seu lado, a Unión Europea expresou o seu apoio a esta medida, xa que fortalece os paquetes de sancións que foi aprobando nos últimos meses.
"A Comisión cumprirá o seu papel tratando de lograr unanimidade entre os Vinte e sete Estados membros para poñer en funcionamento esta medida na UE. O noso obxectivo é facelo no horizonte temporal acordado baixo o sexto paquete de sancións da UE: o 5 de decembro de 2022 para o cru e o 5 de febreiro para os derivados", apostilou o comisario europeo de Economía, Paolo Gentiloni, nun comunicado.
O G7 convidou a todos os países que queiran a achegar comentarios e ideas sobre o deseño e a posta en marcha do devandito límite de prezos. "Buscamos establecer unha ampla coalición para maximizar a súa efectividade e instamos a todos os países que aínda busquen importar petróleo ruso a que se comprometan a facelo a prezos iguais ou inferiores ao do límite", recolle o comunicado do G7.
Segundo os datos da Axencia Internacional da Enerxía, entre marzo e xullo Rusia ingresou 95.000 millóns de dólares (94.870 millóns de euros) polas súas exportacións de petróleo e gas só á Unión Europea, case o dobre que en anos anteriores.