O Goberno dá por rematada a investigación contra o fiscal xeral do Estado
Ayuso denuncia unha operación de Estado para destruila e di que Sánchez "toleou" e esíxelle que dimita
Un xulgado de Madrid cita a Sánchez para que se retracte de chamar "delincuente confeso" á parella de Díaz Ayuso
Pedro Sánchez esixe desculpas para fiscal xeral do Estado. A UCO non atopou ningunha mensaxe no seu móbil entre o 8 e o 14 de marzo, os días nos que se filtraron presuntamente os datos da investigación por fraude a Facenda da parella da presidenta Díaz Ayuso.
A Fiscalía recoñece que os borraron, pero di que o fixeron por motivos de seguridade. A Garda Civil si atopou esas mensaxes no móbil da outra imputada, a fiscal xefe provincial de Madrid, Pilar Rodríguez.
O PP acusa a Álvaro García Ortiz de ocultar probas, pero o Goberno da por rematada esta investigación. Segundo o ministro de Transportes, quedou claro que "non hai nada no móbil", polo que se "acabou a historia", sentenza Óscar Puente. O ministro tilda de "disparate" unha causa que considera impropia do Tribunal Supremo.
A presidenta madrileña denuncia unha operación coordinada de todo o aparato do Estado contra ela. E amosa unhas mensaxes que a UCO atopou no móbil de Juan Lobato, o exnúmero un do PSOE de Madrid, onde aparece a primeira mención directa neste caso ao presidente do Goberno. Di Ayuso que Sánchez "toleou" e esíxelle que dimita.
Pedro Sánchez acaba de ser citado por un xulgado de Madrid para o 12 de febreiro a un acto de conciliación derivado da demanda que lle interpuxo a parella de Díaz Ayuso por inxurias e calumnias. Non ten obriga de acudir persoalmente, pero se ninguén o representa, Alberto González Amador, anuncia que interporá unha querela por chamarlle "delincuente confeso".