O Goberno di que tiña o si de Junts para aprobar o decreto ómnibus e xa traballa para levalo ao Congreso
O Goberno di que tiña o si de Junts para aprobar o decreto ómnibus e xa traballa para levalo ao Congreso
Nunha entrevista en TVE, Bolaños non explica como o farán, pero asegura que o remitirán ao Parlamento cando teñan a "garantía" de que poida ser aprobado

O ministro de Presidencia, Xustiza e Relacións coas Cortes Félix Bolaños asegurou que Junts garantira o apoio ao decreto ómnibus que recolle a revalorización das pensións ou a bonificación do transporte público, desde a súa negociación en decembro, á vez que apuntou que o Goberno xa traballa para volver levalo ao Parlamento cando haxa "garantía" de que poida ser aprobado.
Nunha entrevista en La noche en 24 horas de TVE, que recolleu Europa Press, o ministro afirmou que o Goberno tiña atados 179 votos para sacar adiante o decreto pero que houbo unhas "circunstancias políticas" en Junts con que xustifican o seu voto contrario, alegando unha "perda de confianza" co PSOE.
Félix Bolaños (@felixbolanosg), ministro de Presidencia, Justicia y RR. con las Cortes, asegura que en diciembre sí tenían garantizados los votos necesarios para aprobar el decreto 'ómnibus'#LaNoche24h
— La noche en 24 horas (@Lanoche_24h) January 23, 2025
▶️ https://t.co/3FDcvolcGH pic.twitter.com/qleBbos82W
"Os motivos polos cales votaron que non ao decreto non teñen que ver co contido deste, que se falou en decembro, e os grupos parlamentarios, todos eles, consideraron que era un texto en que había medidas que incorporaran cada un deles e que, por tanto, merecía o seu apoio", explicou o ministro.
Bolaños sinalou que se o decreto se partise, como esixen agora PP e Junts, non se aprobaría e lembrou que o mesmo era "o resultado da negociación e do traballo con diferentes grupos parlamentarios". "Esta idea de por que non se parte. Por que queremos enfrontar uns colectivos? Queremos axudar os pensionistas, pero non queremos axudar os afectados da DINA?", cuestionou.
Félix Bolaños (@felixbolanosg), ministro de Presidencia, Justicia y RR. con las Cortes, sobre el decreto “omnibus”: "si se hubiera troceado, lo que hubiese pasado es que no hubiese salido ninguno".#LaNoche24h
— La noche en 24 horas (@Lanoche_24h) January 23, 2025
▶️ https://t.co/3FDcvolcGH pic.twitter.com/e7NF5VRSsW
O ministro reiterou que o Goberno "fixo o seu traballo" en decembro e atou os votos daquela para aprobar o decreto ómnibus. "Tiñamos garantidos os votos para sacar adiante este decreto lei. Tiñamos a maioría de 179 votos", proseguiu na súa explicación.
Bolaños defendeu que segue habendo "unha maioría de avance" no Parlamento "que funcionou razoablemente ben durante o ano 2024". "Iso supuxo que aprobamos 25 leis que están xa no Boletín Oficial do Estado con avances, con dereitos e que hoxe benefician a cidadanía. Gañamos o 92 % das votacións no Congreso", sacou peito.
"Garantía de maioría"
Preguntado por como actuará o Executivo agora que decaeu o decreto ómnibus, Bolaños asegurou que os pensionistas poden estar "tranquilos", pois, segundo defendeu, o Goberno "demostrou con feitos" que sobe a pensión "o que sobe a vida". Así, afirmou que xa traballan en buscar solucións "para garantir que se suban as pensións, que se baixe o prezo do transporte público e que se aproben o resto de medidas".
"E cando atopemos unha solución por suposto que a presentaremos e a faremos pública", respondeu, á vez que defendeu que mantén unha "fórmula" con Junts que "funcionou" nos últimos seis anos, que son "conversacións discretas e acordos públicos". "Espero que sexamos capaces con diálogo e con esforzo de falar con Junts, como falamos con todas as forzas políticas, para conseguir unha maioría parlamentaria suficiente", dixo.
O ministro aclarou despois que o Goberno volverá levar o decreto ou "o instrumento xurídico" que crean "máis conveniente" para revalorizar pensións ou bonificacións do transporte cando teñan a "garantía" de que contarán coa maioría do Parlamento. "É dicir, cando poidamos garantir que os partidarios do non, os partidarios de baixar as pensións, non van gañar esa votación", xustificou.
Conseguilo, indicou Bolaños, "leva traballo, esforzo, diálogo e acordos cos grupos parlamentarios". "Non é unha cuestión de cando, é unha cuestión de que garantamos que vai ocorrer", sinalou.