O Goberno sitúa en "menos dun ano" o inicio da despregadura de proximidades en Galicia
O secretario Xeral de Mobilidade Sostible, Álvaro Fernández, anunciou este martes no Congreso que, unha vez terminados os estudos de demanda que están en marcha, o Goberno iniciará con RENFE a despregadura das proximidades en Galicia
Néstor Rego preguntou ao secretario xeral de Mobilidade Sostible sobre a implantación das proximidades en Galicia, e lembrou que o seu desenvolvemento forma parte dos acordos de investidura do Goberno co seu partido

O secretario Xeral de Mobilidade Sostible, Álvaro Fernández, anunciou este martes no Congreso que nun prazo inferior a un ano, unha vez terminados os estudos de demanda que están en marcha, o Goberno iniciará con RENFE a despregadura dos tren de proximidade en Galicia.
O alto cargo do ministerio de Transportes e Mobilidade Sostible sinalou na Comisión de Transportes do Congreso que está xa en marcha o estudo para os trens de proximidade en Galicia, cuxos resultados espera para antes dun ano. A partir de entón, dixo, “iniciaremos con RENFE a despregadura” de proximidade na devandita comunidade.
O deputado do BNG Néstor Rego preguntou ao secretario xeral de Mobilidade Sostible sobre a implantación dos trens de proximidade en Galicia, e lembrou que o seu desenvolvemento forma parte dos acordos de investidura do Goberno co seu partido.
“Vostede sabe que o servizo de proximidade ferroviaria é decisivo nesa mobilidade sostible que os tempos esixen, e que unha aposta clara polo ferrocarril equivale a apostar polas proximidades", dixo Rego.
"Quero deixar claro que en Galicia non existen esas proximidades, e é un claro exemplo da marxinación que sufriu o noso país, marxinación que, co impulso do BNG, tentamos resolver dentro do acordo de investidura”, explicou.
O secretario de Estado respondeu, aludindo a outras cuestións expostas nas preguntas escritas polo deputado do BNG, que accedeu a simplificar a súa intervención, que "estamos a desenvolver o Plan de mellora de puntualidade en Galicia, conseguindo un 92 % en puntualidades, e tamén se iniciou o estudo informativo do bypass de Betanzos, que vai mellorar as conexións nese eixo".
Despois referiuse á proximidade en Galicia, e sinalou que “iniciamos os estudos previos, que teñen como obxectivo recompilar datos de demanda actuais cunha serie de enquisas". "É un estudo dun plan de explotación, a partir do cambio de concepto de media distancia ou media distancia de proximidade a un verdadeiro núcleo de proximidade, con posibilidade integración tarifaria con outros modos de transporte, un concepto metropolitano da área funcional”, engadiu.
E concluíu anunciando que “estimamos que en menos dun ano poderemos ter o resultado dese estudo; e a partir de aí, con RENFE, iniciaremos a despregadura dun núcleo de proximidade en Galicia”.