O inicio da campaña do polbo é o peor desde 2015
Poxáronse 210.000 quilos, un 20 % menos ca o ano pasado
As lonxas do norte son as que máis sofren a escaseza
Os comercializadores teñen pouco produto almacenado
O Marinieves de Lira é un dos 1.200 barcos con permex de nasa de polbo que hai en Galicia. A media mañá chega ao porto de Muros con apenas un par de cabazos. José Dosil, o seu patrón, afirma que traen uns 35 quilos e que dos días que máis colleron. "Outros nin saíron e outros xa cambiaron de arte", conclúe.

A caída, por zonas
A campaña xa leva un mes e os datos indican que non é das mellores. En toda Galicia colléronse 210.000 quilos, un 20 % menos ca o ano pasado. En lonxas do sur como Bueu, Cangas ou Vigo, as capturas non caeron tanto. Nas do norte -Muros, Fisterra ou A Coruña- o descenso si que é significativo. En moitas delas poxaron a metade de polbo ca o ano pasado.
"Ao principio sempre hai cantidade e este ano nada. Nós aquí en Muros levamos contabilizados 10.000 quilos, case o 50 % que na campaña 2022/23", comenta José Antonio Rama, secretario da confraría de Muros.

Os compradores teñen pouco polbo almacenado
No mercado hai escaseza e sábeno ben os compradores. Despois dun mes, o almacén de Pulponor garda 12 toneladas cando debía ter 50. Compran nas lonxas da Costa da Morte enalgunha da Arousa. Entre todas, apenas 200 ou 300 quilos cando o normal sería comprar entre dúas e tres toneladas. Luís Simón, xerente da empresa, dique o polbo tampouco é da mellor calidade e que se lle debería ter dado máis tempo de veda.

A veda e a desova
A veda este ano foi dun mes e medio. Foi unha medida acordada polas tres federacións: a de Pontevedra, a da Coruña e a de Lugo. En Muros consideran que un mes e medio é insuficiente.
"Deberían ser polo menos tres meses", comenta José Dosil. "En xullo vén moito polbo ovado e pequeno. Estamos prexudicando a campaña do inverno", incide José Antonio Rama.
O sector cre que o sistema debería reformarse baseándose na realidade biolóxica das desovas e con paradas que fosen subvencionadas para protexer o recurso.