O Liceo acariña unha remontada prodixiosa ante o Benfica (3-3)
Levantou un 0-2 no segundo tempo, pero acabou recibindo o gol do empate a dous minutos do final
O Liceo rozou unha remontada prodixiosa ante o poderoso Benfica na segunda xornada da Champions de hóckey a patíns (3-3). Chegaban á cita os de Juan Copa moi apurados pola derrota da primeira xornada e ademais víronse ao pouco de principiar a segunda metade dous goles por debaixo (Lucas Ordóñez e Pablo Álvarez).
Pero os liceístas tiraron de corazón e calidade e conseguiron o máis complicado, darlle a volta ao marcador contra un dos mellores equipos do mundo. Os goles de Bruno di Benedetto, César Carballeira e Álex Rodríguez puxeron moi preto o triunfo.
A dous minutos do final o internacional español Nil Roca puxo o definitivo empate a tres goles nun espectacular partido.
No outro encontro do grupo o Calafell e o Oliveirense empataron (1-1), co que os dous conxuntos portugueses encabezan a táboa con catro puntos e os dous españois están cun só punto. As vindeiras dúas xornadas, o dobre enfrontamento ante o Calafell será determinante para os intereses do Liceo de meterse nos cuartos de final.