O Liceo non pode co campión de Europa feminino na ida da Euroliga
O Palau levou a vitoria por 1-3 de Riazor
A volta dispútase o 15 de abril en Barcelona
Concentrouse o Liceo e por momentos igualou o potente Palau. Tamén no marcador. Pero o bicampión de Europa e líder da OK Liga, finalmente conseguiu marchar con vantaxe nesta eliminatoria a dobre partido dos cuartos de final da Liga Europea.
Laura Puigdueta marcou no minuto 11.
Un cartón azul a Laura Juan abriulle o camiño do empate ao Liceo, que soubo aproveitar a oportunidade co gol de Alba Garrote de falta directa moi ben executada.
A ilusión durou pouco, porque un minuto despois volveron adiantarse as catalás. Nun dos poucos erros defensivos que cometeu o Liceo, marcou Carla Fontdegloria.
E na segunda parte non podía faltar o gol desta xogadora: Aina Florenza, a de Mataró, con só 20 anos é xa unha referencia no hockey mundial. Máxima goleadora na OK Liga e amosou as súas calidades rematadoras en Riazor. Cazou o 1 a 3 final.
O Liceo apertou sen éxito nos últimos minutos buscando recortar distancias para o partido de volta destes cuartos de final europeos, que se disputará dentro de quince días.