Os ocupantes ilegais de Monte Alto cambian de casa
Os veciños afirman que volveron ocupar unha casa tras ser expulsados da rúa Washington a semana pasada
Esta é unha das casas ocupadas no barrio coruñés de Monte Alto, segundo afirman os veciños. Unha casa, próxima á rúa da Torre, que xa fora ocupada ilegalmente hai anos e á que agora volveron os expulsados da rúa Washington a semana pasada.
"Marcharon de aí, marchan dous ou tres días, pero sempre queda algún e sempre lles serve de laboratorio".
"A min ocupáronme e tiven que tapiar, pero eu outros problemas non tiven".
"Bótalos fóra do piso, se non é deles, como os deixan estar aí?, pero se non é a xustiza...", din os veciños.
A rúa Santo Tomás é outra a onde puideron trasladarse os ocupantes ilegais. Os veciños afirman que sempre foi unha zona tranquila e que agora hai máis vixilancia policial.
"Nós nacemos aquí practicamente, e era outro ambiente".
"Vexo movemento de policía, iso si, que é o que teñen que facer", din unhas veciñas.
Os veciños da rúa Washington, onde os ocupantes ilegais foron expulsados a semana pasada pola presión da veciñanza, aseguran que agora viven máis tranquilos.
"Como non imos estar máis tranquilos, corazón? E grazas á xuventude, despois falan da xuventude, se non chega a ser por eles, non marchaban de aquí", afirma unha veciña.
Con todo, seguen vixiantes, sobre todo os comerciantes da zona, ante o temor dos roubos e do tráfico de estupefacientes.