Desaloxadas 24 vivendas en Redondela tras bater un coche contra unha condución de gas
Dúas horas despois e tras ventilaren, os veciños puideron volver ás súas vivendas
O accidente ocorreu contra as sete e vinte da mañá deste domingo
Sobre as 7:20 horas da mañá deste domingo producíase un accidente de tráfico na rúa José Regojo, en Redondela. O impacto provocou a rotura dunha tubaxe de gas.
Os veciños da rúa, alarmados polo forte ruído do gas e o intenso cheiro, decidiron abandonar as súas vivendas por iniciativa propia, segundo informa o servizo de emerxencias 112 Galicia.
Foron os propios veciños os que chamaron o 112 alertando dunha fuga importante de gas.
Os servizos de emerxencia que se mobilizaron incluíron os Bombeiros do Porriño e Vigo, o GES de Mos, o Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, a Policía Nacional e Local, e os efectivos de Protección Civil.
Finalmente foron desaloxados dous edificios de seis plantas e doce vivendas cada un deles.
Tras controlar a fuga e ventilar os pisos afectados e a zona afectada, os veciños puideron regresar ás súas vivendas.