O PP critica o apoio dos socialistas á nova lei do catalán nas escolas
Os populares cren que se trata dunha "fraude de lei" para esquivar a sentenza do Superior de Cataluña que obriga a impartir o 25 % das clases en castelán
O líder do PSC asegura que a nova lei permitirá "cumprir mellor" coa sentenza do TSXC
Este mércores no Congreso falouse dunha iniciativa que vai aprobarse noutro Parlamento, no catalán. A lei que regula o uso das linguas cooficiais no ensino sairá adiante o venres co apoio dos socialistas. A ministra de Educación, Pilar Alegría, pediulle ao PP que abandone un "discurso tan destrutivo", tras acusala a deputada Sandra Moneo de poñerse "do lado dos separatistas" e de "abandonar os constitucionalistas".
Falouse deste tema no hemiciclo e tamén nos corredores do Congreso. O voceiro de ERC, Gabriel Rufián, celebraba o pacto co PSC e con En Comú Podem, asegurando que "o castelán non está perseguido en Cataluña" e que "o catalán tampouco é patrimonio do independentismo".
Pero para a oposición, a nova lei só busca sortear a sentenza do Superior de Cataluña que obriga a impartir o 25 % das clases en castelán. Para a voceira do grupo popular, Cuca Gamarra, "é unha lei para evitar que se cumpra unha sentenza, a fraude de lei nunca é o camiño". Pola súa parte, o portavoz de Ciudadanos, Edmundo Bal, lamentou que o PSC "participe nun complot para incumprir un sentenza".
No Senado tamén se referiu a este asunto Alberto Núñez Feijóo. Para o presidente do PP, "se nin sequera se acepta o 25 % e se nin sequera se cumpren as sentenzas, non estamos nun estado de dereito".
Dende Cataluña, o líder do PSC defende o pacto. Segundo Salvador Illa, esta lei "permite cumprir mellor as resolucións xudiciais, en ningún caso serve para esquivalas e non cumprilas".