O PPdeG rexeita que Rueda compareza no Parlamento para explicar a situación de Alcoa
O BNG solicitara que o presidente da Xunta acudise á cámara

A Deputación Permanente do Parlamento rexeitou, cos votos do PPdeG, a petición do BNG para que compareza o presidente da Xunta e candidato á reelección, Alfonso Rueda, pola situación de crise que vive Alcoa, pendente do rearranque das cubas que se inicia leste mesmo luns.
A deputada do BNG Olalla Rodil considerou que "o mínimo" que pode facer, pese ao actual período electoral, o "presidente de momento" é comparecer no Parlamento para explicar a "folla de ruta" da Xunta sobre a planta de Alcoa en San Cibrao, na que os nacionalistas apostan por unha intervención pública.
Pero o deputado do PPdeG José Manuel Balseiro asegurou que a Xunta, a través da Consellería de Economía xa actuou con "rapidez e contundencia" a semana pasada, ante a ameaza da empresa de non reiniciar a actividade, e agora correspóndelle ao Goberno central dar viabilidade á empresa a través dun "marco eléctrico estable e competitivo".
Balseiro ratificou o compromiso da Xunta de "apoiar unha intervención temporal" da planta de Alcoa en San Cibrao, se é necesario, pero criticou a postura do BNG que cre que está "en modo campaña" e actuando con "partidismo" sobre este asunto.
Tamén a deputada do PSdeG Patricia Otero reprochou ao BNG a súa defensa da intervención pública -en lugar de apostar por reclamar o cumprimento do acordo asinado por Alcoa en 2020- o que supón "dar un balón de osíxeno a quen quere que se peche a factoría" e "debilitar os traballadores e cuestionar o acordo".
En todo caso, o PSdeG apoiou a petición de comparecencia de Rueda feita polo BNG e puntualizou que o seu partido "non descarta ningunha medida", incluso a intervención da factoría "se é necesario" nun futuro.