O presunto autor do crime machista de Viveiro pasa este venres a disposición xudicial
O home negouse este xoves a declarar na comisaría de Viveiro
Multitudinarios actos de repulsa en Viveiro, onde os veciños seguen consternados
O suposto autor do crime machista ocorrido o mércores en Viveiro permanece na Comisaría do Corpo Nacional de Policía desa localidade, onde se negou a declarar ante os axentes que se fixeron cargo da investigación do caso, segundo informaron a EFE fontes policiais.
O sospeitoso foi dado de alta no Hospital Público da Mariña, en Burela, onde permanecía ingresado desde onte baixo custodia policial, por mor das feridas que se fixo a si mesmo cunha arma branca ao tentar, supostamente, suicidarse.
Ramón C. L .foi trasladado a dependencias do Corpo Nacional de Policía esta mañá e agora, despois de negarse a responder as preguntas dos investigadores, será posto nas próximas horas a disposición do Xulgado de Instrución Número 1 de Viveiro, en funcións de garda. A
Está previsto que o detido pase a disposición no número 2, que entrou este xoves de garda, mañá a primera hora.
A muller, Rejane S. de G, de 42 anos, tiña dous fillos de anteriores relacións, un con residencia tamén na Mariña e outra que vive no Brasil. Traballaba nun supermercado da localidade e era unha persoa coñecida e apreciada na vila.
A vítima, de orixe brasileira, levaba 16 anos residindo na comarca da Mariña, once deles en parella co presunto agresor, Ramón C. L., que traballa como taxista na localidade, segundo relataron a EFE fontes próximas á investigación.
O Ministerio de Igualdade confirmou pola tarde que se trataba dun asasinato por violencia de xénero. Así, para este xoves hai convocadas concentracións e minutos de silencio por toda Galicia, incluído en Viveiro, en repulsa por este crime.
Xunta e Parlamento gardan un minuto de silencio
O Parlamento de Galicia e a Xunta gardaron este xoves un minuto de silencio en repulsa polo asasinato machista sucedido este mércores en Viveiro, o quinto crime deste tipo na comunidade no que vai de ano.
O Ministerio de Igualdade confirmou o crime de Viveiro como de violencia machista, co que o número de mulleres asasinadas por violencia de xénero en España ascende a 46 en 2024 e a 1.291 desde 2003, cando se empezaron a recompilar estes datos.
Na Xunta presidiron o minuto de silencio a conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, e o conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, acompañados polos directores xerais de Loita contra a Violencia de Xénero, Roberto Barba; de Promoción da Igualdade, María Quintiana, e doutros membros do Executivo participaron nun minuto de silencio en sinal de repulsa polo crime machista de Viveiro.

A conselleira mostrou o seu pesar por este crime e sinalou que “hoxe toda Galicia está de loito”. García dirixiuse a todas as mulleres vítimas de violencia de xénero e instounas a que denuncien a súa situación a través dos recursos á súa disposición como o teléfono confidencial e anónimo 016 ou os Centros de Información á Muller que existen por toda a comunidade.
Ademais, avanzou que o Goberno galego vai poñer a disposición dos familiares da vítima “todos os recursos de atención psicolóxica” necesarios. A concentración no Parlamento, celebrada no exterior do Pazo do Hórreo, contou coa participación do xefe do Lexislativo galego, Miguel Santalices, integrantes da Mesa da Cámara, varios deputados e o conselleiro maior do Consello de Contas.
Viveiro garda "consternado" un minuto de silencio por Rejane, a muller asasinada pola súa parella en Covas
Centos de veciños e autoridades de Viveiro concentráronse e gardaron un minuto de silencio este xoves ao mediodía polo asasinato dunha da súa veciña, Rejane S.G., residente na parroquia de Covas, supostamente cometido pola súa parella.
A alcaldesa da localidade, María Loureiro, manifestou a "consternación" de todos os veciños e veciñas ante este crime e tivo palabras de ánimo para o seu fillo, que tamén compartía vivenda coa vítima e co presunto asasino.
Numerosas persoas achegáronse ata o Concello de Viveiro para participar neste acto, que tivo un carácter moi emotivo. Finalizou cun longo aplauso co que mostraron o seu apoio á familia.

Á concentración asistiu tamén o conselleiro de Mar, o cervense Alfonso Villares, quen expresou a súa solidariedade coa familia da vítima e afirmou que asasinatos como estes "non teñen ningún sentido". Tamén se referiu a un caso que houbo en Cervo, cando era alcalde desta localidade, asegurando que en feitos como estes "só queda a repulsa máis absoluta".
Xa pola tarde tivo lugar un acto público de repulsa, coa presenza de autoridades e de numeros veciños. Rematou coa lectura dunha carta escrita polo fillo da vítima.

Os veciños están ainda consternados polo suceso.