A electricidade subirá este xoves un 15,2 %, ata os 259,01 euros/MWh
Na poxa grosista subiu só un 3 % pero tamén subiu a cantidade con que hai que compensar a industria por poñer un tope aos prezos
Na poxa celebrada no mercado grosista deste mércores, o prezo da electricidade subiu só un 3,15 %, ata os 170,81 euros.
Pero a esta cantidade houbo que sumarlle o axuste co que se compensa a industria eléctrica por establecer este tope de prezos.
E o axuste tamén medrou hoxe. Foi 88,2 euros fronte aos 59 euros de onte.
Daquela, a electricidade subirá este xoves un 15,2 %, ata os 259,01 euros/MWh.
Segundo os datos publicados polo operador do mercado ibérico OMIE, trátase do nivel máis alto da electricidade en algo máis de dous meses, desde os 265,02 euros do pasado 5 de abril, e coincide coa escalada do prezo nas principais economías de Europa.
Só Italia e Francia terán mañá o MWh máis caro que en España, a 276,74 e 272,85 euros, respectivamente.
Por detrás sitúase Reino Unido, onde a electricidade se pagará a 183,18 libras (uns 211,54 euros ao cambio), e Alemaña, a 201,97 euros/MWh.
Tras as críticas recibidas polo mecanismo no seu primeiro día en vigor, a vicepresidenta terceira do Goberno e ministra para a Transición Ecolóxica Teresa Ribera veu defendendo nas últimas horas o tope ao prezo do gas.
Ribera atribuíu a repunta do prezo ao incremento da demanda pola vaga de calor.
Así, engadiu: "As centrais de gas produciron máis porque se reduciu a xeración eólica e houbo un menor rendemento da enerxía solar".
O Goberno pide paciencia para ver os efectos de poñer límite ao gas
No goberno piden paciencia para ver os efectos dunha medida que se estreou no medio dunha importante onda de calor que está elevando a demanda. Os expertos sinalan que será o consumidor final o que aboará esa compensación.
Esa compensación que deben recibir as empresas gasísticas, é dicir, a diferenza entre o tope establecido polo Goberno e o prezo real do gas, vana asumir en boa parte os usuarios da tarifa regulada, a que cambia en función das horas.
Dende o Goberno din que hai que darlle tempo ao mecanismo e que a onda de calor que estamos sufrindo tampouco axuda, porque aumenta o consumo nos fogares.
"A nosa vocación é que baixe a factura. Pero se non entrase este mecanismo en vigor hoxe, estaría 72 euros máis cara", defendeu a ministra de Facenda María Jesús Montero. Na oposición falan de fracaso. "As medidas do Goberno para controlar a inflación son un fracaso, non funcionan" dixo o presidente do PP Alberto Núñez Feijóo. E os consumidores tampouco o ven moi claro.
Hai que compensar as empresas gasísticas polo que deixan de gañar ao topar o prezo do gas. E esa compesación sae de forma maioritario do peto das familias e das empresas.
Na OCU din que con este mecanismo a factura ten que baixar entre un 15 e un 20 por cento.
A ministra de Facenda di que non se pode aplicar de forma inmediata un imposto ás grandes eléctricas. En cambio, a titular de Traballo Yolanda Díaz ve posible que se faga se hai vontade política.