O PSdeG quere que a Xunta participe nas enerxéticas das que dependen as industrias estratéxicas
O secretario xeral dos socialistas proporalle a Rueda modificar os estatutos do Instituto Enerxético de Galicia para que poida ser accionista destas compañías
O PSdeG quere que a Xunta participe nas empresas enerxéticas das que dependen as industrias estratéxicas galegas. O secretario xeral dos socialistas, Valentín González Formoso, vaille propor ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda, que se modifiquen os estatutos do Instituto Enerxético de Galicia (INEGA) para que poida ser accionista destas compañías.
González Formoso dixo que hai que frear o declive industrial en Galicia. "Como instrumento de participación naqueles proxectos estratéxicos, iso garantiría unha sensibilidade importante cos propietarios afectados, abriría a posibilidade á participación aos concellos. O modelo público privado é o que queremos impulsar", asegurou o líder socialista.