O PSOE denuncia a Vox na Fiscalía Xeral do Estado por financiamento irregular
Os socialistas presentaron a denuncia o pasado venres 13 de decembro tras facer unha análise "exhaustiva" do financiamento da formación liderada por Santiago Abascal e concluíron que podería estar a incorrer nun delito de financiamento ilegal

O PSOE presentou unha denuncia contra Vox ante a Fiscalía Xeral do Estado por financiamento irregular ao considerar que utilizaba métodos para captar fondos de maneira opaca, segundo informou o partido.
Os socialistas presentaron a denuncia o pasado venres 13 de decembro tras facer unha análise "exhaustiva" do financiamento da formación liderada por Santiago Abascal e concluíron que podería estar a incorrer nun delito de financiamento ilegal de partidos políticos.
Sinalan que polo menos desde o ano 2020 ata a actualidade, nas mesas informativas que VOX desprega ao longo de todo o territorio español incorporaba unha serie de elementos de captación de ingresos económicos a modo de "petos" ou "caixas de caudais", xunto cunha serie de elementos de merchandising "co obxectivo de captar fondos en metálico dun modo absolutamente opaco".
Unha práctica "absolutamente irregular" a xuízo dos socialistas que podería recadar 5 millóns de euros, segundo os datos obtidos das contas anuais que Vox publica na súa páxina web, apuntan.