O PSOE gañaría as eleccións, segundo o CIS, pero o PP acurta distancias e sitúase a 2,1 puntos
A enquisa do Centro de Investigacións Socialóxicas dálles aos socialistas o 31,8 por cento dos sufraxios e ao PP, o 29,7 por cento
Vox sobe dúas décimas, ata o 12,4 por cento, e Sumar perde medio punto e queda co 6,5 por cento dos votos
O BNG experimenta unha importante suba tras gañar medio punto, ata o 1,4 por cento

O PSOE seguiría gañando as eleccións xerais se se celebrasen agora pero o PP gaña terreo e quedaría a só 2,1 puntos dos socialistas, segundo o primeiro barómetro do Centro de Investigacións Sociolóxicas (CIS) deste ano, correspondente ao mes de xaneiro.
Segundo a enquisa, o PSOE perdería 0,4 puntos en estimación de voto e quedaría con un 31,8 por cento. Os populares, mentres, recortarían distancia cos socialistas tras gañar 1,3 puntos, ata o 29,7 por cento.
O panorama descrito polo CIS confirma a Vox como terceira forza política, cunha estimación de voto do 12,4 (dúas décimas máis que na anterior mostraxe), en tanto que Sumar, socio dos socialistas no Goberno de coalición, déixase medio punto e cae ao 6,5 por cento de voto estimado.
En xaneiro diminúe o apoio electoral a Podemos, tras deixar dúas décimas, ata o 3,9 por cento.
ERC e Junts gañan dúas décimas, o PNV perde dúas, EH Bildu sobe unha e o BNG experimenta unha importante suba de apoios. Gaña medio punto ata situarse no 1,4 por cento.
Empeoran as puntuacións aos líderes políticos, todos suspenden
O actual xefe do Executivo e líder socialista, Pedro Sánchez, segue sendo o máis valorado pola maioría dos españois. É o favorito para o 23,7 por cento. O líder do PP, Alberto Núñez Feijóo, é o preferido para o 9,9 por cento dos enquisados.
Na avaliación de líderes todos suspenden e as súas notas empeoran. Pedro Sánchez obtén unha puntuación media de 3,93, seguido de Yolanda Díaz (3,89), Alberto Núñez Feijóo (3,52) e Santiago Abascal (2,79).
A vivenda, o principal problema
A vivenda segue encabezando a lista dos problemas de España, xa que a citan o 28,3 % dos enquisados, seguida da crise económica (22,1%), os problemas políticos (22%), a inmigración (21,1%) e o paro (18,8).