O PSOE mantén que someterse a unha cuestión de confianza é decisión do presidente do Goberno
A Mesa do Congreso votará este xoves a admisión a trámite da proposición non de lei presentada polos de Puigdemont
Para a ministra de Igualdade, trátase dunha "perversión do sistema"
A Mesa do Congreso decidirá este xoves se tomba ou non a proposición de Junts de que o presidente se someta a unha cuestión de confianza.
Pero o Goberno non está polo labor. O PSOE vai usar os seus votos para vetar a proposta. Considera que se trata dunha prerrogativa exclusiva do presidente do Goberno e, para a ministra de Igualdade, Ana Redondo, "pedir unha cuestión de confianza é unha perversión do sistema, é unha perversión da Constitución porque non está prevista para iso".
O PSOE non vai ceder, din, a pesar das ameazas de Junts. Ademais, cren que está inxustificada, como repetiron este mércores os ministros socialistas apuntando que o goberno cumpre os seus acordos.
O socio da coalición, Sumar, decidirá a súa postura nas próximas horas, aínda que, internamente, hai opinións diverxentes. Mentres Compromís avoga por darlle luz verde á proposición de Junts, para Izquierda Unida sería seguirlle o xogo a Carles Puigdemont.
Para Antonio Maíllo, coordinador federal de Izquierda Unida, "é un absoluto farol que non ten ningún encaixe no regulamento do Congreso". Considera o político que Junts quere "seguir chamando a atención nun infantilismo político que demostra que non están á altura do momento".
Para ERC, este pulso de Junts é unha estratexia para achegarse ao PP. Segundo Gabriel Rufián, voceiro dos republicanos no Congreso, tentan "achandar o camiño cara o seu futuro pacto con Feijóo, e iso pasará".
Ese pacto hipotético pacto podería ter forma de moción de censura que, polo momento, non se dá concretado. En conferencia de prensa, Isabel Díaz Ayuso, presidenta da Comunidade de Madrid, afirmou descoñecer se hai negociacións en marcha.