O Rácing busca a reacción diante dun Zaragoza tamén en crise (18:30 h)
Víctor Fernández acaba de deixar o banco do equipo maño
Cristóbal non mira a situación do rival, céntrase no seu propio conxunto
O Rácing de Ferrol visita esta tarde a Romareda (18:30 h). Partido entre dous equipos en crise. Víctor Fernández deixou o Zaragoza e Cristóbal podería pór en xogo o seu posto.
O Rácing precisa reaccionar despois da recente goleada que encaixou na Malata ante o Almería. Moi entra nunha lista da que cae por lesión David Castro. O triunfo en Xixón mantén a fe dos verdes, que precisan gañar para non descolgarse. A salvación está a 4 puntos... e o rival, o Zaragoza, tampouco está para moita festa. Só sumou 4 puntos nas últimas 7 xornadas. Malia a isto, Cristóbal non quere fiarse da mala situación do seu adversario: "Eles están nunha situación convulsa, sempre teñen unhas grandes aspiracións. Pero nós tamén temos a nosa aspiración, que é a de manternos no fútbol profesional", indicou na previa.
Cristóbal fai balance das últimas xornadas, cunha goleada a favor e outra na contra: "Temos que quedar co positivo. Intentamos centrarnos no noso para volver á senda dos bos resultados".