O Rácing confía na eliminatoria de Copa para romper a seca goleadora
O equipo de Parralo leva oito xornadas sen gañar e non marcou nos últimos catro partidos
O Rácing ranquea na liga mentres mira de esguello a Copa. Esta fin de semana sumou ante o Eldense o terceiro empate consecutivo a ceros. Os ferroláns non marcan dende o pasado 10 de novembro. E non gañan dende o mes anterior. En total, oito xornadas sen sumar de tres. Con esta bagaxe o xoves visitan o Barakaldo, quinto clasificado de grupo en Primeira Federación.
A cita copeira sorprende o Rácing coa enfermería chea. Nas últimas horas coñecemos que Fran Manzanara estará dous meses de baixa. Outros seis xogadores presentan problemas físicos. Cabaco, Correa e Jáuregui afrontan a recta final da súa recuperación. Nos próximos días poderían incorporarse ao traballo en grupo.