O TC mantén suspendidas parcialmente dúas leis da Xunta sobre o litoral
O pleno decidiu conservar a suspensión de varios preceptos como lle solicitara o Goberno de Pedro Sánchez o pasado 11 de outubro

O Tribunal Constitucional (TC) acordou por unanimidade manter suspendidas parcialmente dúas leis impulsadas pola Xunta que foron recorridas polo Goberno central: a de ordenación e xestión integrada polo litoral, e a de medidas fiscais e administrativas.
A Corte de Garantías comunicou este xoves que o pleno decidiu conservar a suspensión de varios preceptos, como lle solicitara o Goberno de Pedro Sánchez nun recurso de incostitucionalidade que presentou o pasado 11 de outubro contra a Lei 4/2023, do 6 de xullo, de ordenación e xestión integrada do litoral de Galicia.
O TC xustifica a súa decisión sinalando que neste tipo de incidentes, naqueles en que non se toma en consideración a viabilidade das impugnacións, teñen preferencia a salvagarda do interese ecolóxico e ambiental, "dada a fraxilidade e irreparabilidade dos prexuízos que se poderían producir en caso da súa perturbación".
A corte valorou o impacto que a regulación da lei galega vai supoñer sobre o dominio público marítimo-terrestre, dando relevancia á obriga constitucional de protexer este para "asegurar tanto o mantemento da súa integridade física e xurídica, como o seu uso público e os seus valores paisaxísticos".
Para isto, préstase atención tanto á propia definición e extensión do litoral que se acuña na mesma, ao contido das competencias que se recoñecen sobre a súa xestión e aos usos que se admiten sobre o mesmo.
A lei do litoral contempla que a Xunta asume as competencias en xestión do espazo marítimo-terrestre. O Executivo galego defende que ditas competencias están definidas no Estatuto de Autonomía.
Pola súa banda, o Goberno central considera que a lei invade competencias estatais en distintos ámbitos, ata o punto de incorporar de maneira unilateral o mar ao territorio da comunidade autónoma.
A Moncloa alega tamén que a norma reduce a protección dos terreos contiguos á ribeira do mar e que os preceptos impugnados poderían vulnerar as competencias do Estado sobre o procedemento administrativo común, a lexislación básica sobre contratos e concesións administrativas, pesca marítima, mariña mercante e competencia sobre o medio ambiente.
Medidas fiscais e administrativas
O pleno acordou manter suspendido o parágrafo primeiro do apartado 1 do artigo 10 e do apartado 1 da disposición transitoria primeira da Lei da Comunidade Autónoma de Galicia 7/2022, do 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas.
O Constitucional coa maxistrada Laura Díez como relatora, xa admitiu a trámite o recurso de inconstitucionalidade formulado tamén polo Goberno de Sánchez contra os artigos 10, 11 e a disposición transitoria primeira, relativos a normativa de costas.
O TC suspendeuno no pasado mes de outubro, e unha vez que transcorreron cinco meses, tiña que pronunciarse sobre se mantiña ou levantaba a suspensión.
Agora, a Corte de Garantías decidiu levantar a suspensión dos artigos impugnados, salvo o parágrafo primeiro do apartado 1 do artigo 10 e do apartado 1 da disposición transitoria primeira. Nestes establécese un prazo de 15 días de prescrición da acción para impoñer a reposición da legalidade na zona de servidume e protección do dominio público marítimo-terrestre.
O TC explicou no seu auto que os maxistrados sinalan que se non se mantén a suspensión destes preceptos, "podería producirse a consolidación de situacións xurídicas irreversibles ou dificilmente reversibles que causarían prexuízos aos valores naturais e paisaxísticos da costa galega".
Igual que coa primeira lei, o Constitucional dá prioridade á necesidade de salvagardar o medio ambiente e non aprecia que manter a suspensión "sexa susceptible de provocar unha lesión de intereses públicos ou privados de carácter patrimonial de tal calibre que supoña afectar a un sector económico de maneira directa e inmediata, fundamental para a economía da Nación, nin prexuízos económicos de moi difícil reparación".
Dende a Moncloa alegan que os artigos que impugnou poderían vulnerar as competencias do Estado para a determinación do réxime xurídico do dominio público marítimo-terrestre e a lexislación básica en materia de protección do medio ambiente litoral.