Publicador de contidos

Publicador de contidos

A xustiza tailandesa mantén a cadea perpetua para Daniel Sancho polo asasinato de Arrieta

A xustiza tailandesa mantén a cadea perpetua para Daniel Sancho polo asasinato de Arrieta

Desestima os recursos presentados polas partes en relación con este crime, perpetrado en agosto de 2023

A familia de Arrieta, que solicitaba a pena capital, desbota volver apelar: "Ata aquí chegamos, pola nosa banda acabouse"

A defensa de Sancho expresa a súa desconformidade co fallo e non desbota volver recorrer: "Seguimos traballando nos seguintes pasos que hai que dar"

G24.gal 25/09/2026 06:57 Última actualización 25/09/2026 15:05

O Tribunal Provincial de Samui, que condenou en primeira instancia a cadea perpetua ao español Daniel Sancho polo asasinato premeditado do colombiano Edwin Arrieta no país asiático, decidiu este venres desestimar as apelacións presentadas polas partes.

O comunicado foi divulgado pola Oficina da Xudicatura de Tailandia en Bangkok pouco despois de que concluíse a sesión a porta pechada no Tribunal Provincial de Samui, na que o xuíz leu ás partes a resolución das apelacións que fora elaborado previamente polo Tribunal de Apelacións de Phuket, encargado do caso.

A vista comezou ás 10:00 hora local (03:00 GMT) e terminou arredor de dúas horas despois. Nela estiveron presentes os avogados e representantes tailandeses de ambas as partes. Daniel Sancho conectou por videoconferencia desde a prisión de Surat Thani, onde cumpre condena.

"Ata aquí chegamos, pola nosa banda acabouse", sostén a familia de Arrieta

A sentenza mantivo integramente a ditada en primeira instancia. O tribunal concluíu que se tratou dun asasinato premeditado, pero entende que a pena definitiva continúa sendo de cadea perpetua. Así o apunta o comunicado xudicial, que subliña que xa se reducira na sentenza de primeira instancia do castigo de pena de morte (o que reserva Tailandia para casos de asasinato premeditado) por considerar que a declaración do procesado resultou útil para o procedemento.

A resolución desestima os recursos presentados en decembro de 2024 e marzo de 2025 respectivametne pola familia de Arrieta e a defensa de Sancho. Os familiares da vítima pedían elevar o castigo ata a pena capital pola contundencia das probas e aumentar a indemnización, fixada inicialmente nuns 117.000 euros na sentenza de primeira instancia.

Coñecida a resolución do tribunal, o equipo legal da familia do colombiano desbota volver apelar: "Ata aquí chegamos, pola nosa banda acabouse", sosteñen.

A defensa de Sancho non está de acordo coa resolución e non desbota volver recorrer

A defensa de Sancho amosou a súa desconformidade coa resolución ditada polo tribunal tailandés. No recurso de apelación pedira que se celebrase unha nova vista ou que se repetise o xuízo para convocar novas testemuñas, xa que sostén que a morte de Arrieta se debeu a un accidente durante unha pelexa.

Ramón Chipirrás, do equipo legal de Daniel Sancho en España, di non estar de acordo coa resolución emitida este venres polo Tribunal Provincial de Samui e non desbota volver recorrer. "Agora non podemos dicir moito máis porque temos que esperar o texto completo e poder analizar a resolución", explica. "Mentres, seguimos traballando nos seguintes pasos que hai que dar", declarou.

Daniel Sancho, de 32 anos e fillo e neto dos famosos actores españois Rodolfo Sancho e Sancho Gracia, foi condenado en 2024 a cadea perpetua polo asasinato premeditado e o despezamento un ano antes nun hotel da illa veciña de Phangan do cirurxián plástico colombiano de 44 anos Edwin Arrieta.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade