O usuario segue encontrando problemas para saber que mercado enerxético lle convén
Todo depende dos hábitos de consumo eléctrico
Para beneficiarse do bono social é fundamental estar no mercado regulado
Coa luz á alza, os consumidores dubidan se manterse no mercado libre ou regulado. Noutros casos o descoñecemento entre a poboación é enorme debido á complexidade da situación. Informarse cada pouco e coñecer os hábitos de consumo eléctrico de cada casa é fundamental para decidir en que mercado situarse, como explica a profesora de Economía Aplicada da USC, María Cadaval.
O regulado é o que axusta o Goberno e fluctúa de prezo ao longo do día e no que temos que estar se queremos acceder ao bono social. Estar no mercado libre supón facer un contrato coa compañía por un prezo estable durante un tempo determinado.
Por outra banda, agora mesmo hai moitas incertezas por como a Unión Europea vai intervir o mercado eléctrico, o que reafirma a necesidade de estar atentos para saber que tipo de mercado nos convén.