Nova xornada de exames para acadar unha praza no ensino público galego
Este domingo celébranse as probas para educación secundaria, inspección, escolas oficiais de idiomas e artes plásticas e deseño
Un total de 222 tribunais compostos por máis de mil docentes velan esta fin de semana pola celebración da oposición de 2.484 prazas no ensino primario e secundario galego.
O sábado, na quenda das probas de primaria, estaban en xogo 1.148 prazas fixas en tres modalidades: infantil, a mais numerosa, pedagoxía terapéutica e música.
Na xornada deste domingo, compiten por unha praza das 1.087 ofertadas para a educación secundaria, inspección, escolas oficiais de idiomas e artes plásticas e deseño.
En total, sométense ás probas preto de 23.000 persoas nas 145 sedes habilitadas pola Xunta, en 14 localidades de toda Galicia.
A oposición está enfocada neste 2022 a persoas que se licenciaron recentemente e a profesorado con pouca experiencia.
As persoas interinas e substitutas non están obrigadas a presentarse ao procedemento. Estas prazas súmanse á oferta de emprego público de estabilización de 2023.