Os Bolechas saen de xira polo Nadal para difundir os cantares de Reis
Visitarán oito concellos das catro provincias entre os días 26 de decembro e 4 de xaneiro
Visitarán oito concellos das catro provincias entre os días 26 de decembro e 4 de xaneiro. Desta volta difundirán entre a cativada os tradicionais cantares de Reis. A actividade, de acceso libre e gratuíto, busca fomentar o galego da man da familia máis querida da televisión.
"Chegaremos a estes oito lugares promovendo a lingua entre a xente máis nova. As últimas enquisas do Instituto Galego de Estatística dinnos que temos que dedicar máis esforzo e planificación para que os pequenos da familia falen máis galego, ou algún galego", explica o secretario xeral da Lingua da Xunta, Valentín García.
A xira comezará o xoves 26 de decembro na Estrada e, ao día seguinte, fará parada en Padrón. Visitarán Melide o sábado 28 de decembro, antes de achegarse a Celanova o domingo 29 de decembro. Os Bolechas rematarán o ano cunha actuación o luns 30, en Burela.
O primeiro lugar que visitarán no ano 2025 será Verín, o venres 3 de xaneiro, mentres que a xira rematará en Redondela o sábado 4 de xaneiro.