Os capóns de Vilalba entran na fase final de engorde
Os animais van subir de prezo polo incremento dos custos de alimentación
Cada ave para o Nadal pesará entre cinco e seis quilos
María Xosé cría este ano cen capóns de Vilalba para a súa venda para as festas do Nadal. Falta menos dun mes para que sexan sacrificados, e a día de hoxe só comen fariña de millo
Dentro de dúas semanas a súa dieta vai ser completada con patacas cocidas. Hai que cebalos nas capoeiras para que collan o meirande peso posible e para que a súa graxa, moi apreciada polos cociñeiros, se conforme no corpo.
O capón de Vilalba tampouco escapa da inflación. O saco de fariña de millo de 35 quilos subiu seis euros. Un só capón pode comer un saco nun mes.
Así, os criadores non teñen máis remedio que repercutir a suba dos custos no prezo do animal, aínda que co menor impacto posible.
Malia a suba, xa teñen confirmados os pedidos habituais e confían en vender toda a produción.
María Xosé calcula que dende o comezo da pandemia a metade dos criadores deixaron a actividade. Aínda así, confía en que a feira do capón do día 21 sexa todo un éxito.