Os conservadores de Sunak perden dous escanos nunhas eleccións parciais en Inglaterra
As dúas vitorias laboristas en senllas circunscricións consolidan a formación de Keir Starmer como favorita para gañar as próximas eleccións lexislativas no Reino Unido
Os escanos quedaran vacantes tras a renuncia dos deputados conservadores

O Partido Conservador do primeiro ministro británico Rishi Sunak encaixou un duro golpe ao perder fronte aos laboristas de Keir Starmer dous escanos en senllas eleccións parciais celebradas o xoves en Inglaterra.
Ao rematar este venres o reconto de votos, a candidata laborista Gen Kitchen gañou na circunscrición de Wellingborough, en mans dos tories desde 2005, cun 45,9 % do voto, un avance de 19,5 puntos fronte ao resultado nas eleccións xerais de 2019 e o maior transvasamento desde a II Guerra Mundial.
A aspirante conservadora Helen Harrison cedeu 37,6 puntos porcentuais, ata o 24,6 %, cunha participación nesa cita electoral do 38,1 %.
Pola súa banda, o laborista Damien Egan fíxose con Kingswood, feudo conservador desde 2010, cun 44,9 % do sufraxio, un incremento de 11,5 puntos porcentuais, cunha participación do 37,1 %.
O seu rival conservador, Sam Bromiley, obtivo un 34,9 % do voto, un descenso de 21,3 puntos porcentuais fronte ao resultado do seu partido nos comicios de 2019.
As vitorias laboristas consolidan a formación de Keir Starmer como favorita para gañar as próximas eleccións lexislativas
Estas dúas vitorias laboristas consolidan a formación de Starmer como favorita para gañar as próximas eleccións lexislativas no Reino Unido, previstas para a segunda metade do ano.
Con todo, o experto electoral británico John Curtice alertou este venres de que a baixa participación nas dúas eleccións parciais, aínda que normal neste tipo de citas, reflicte máis o descontento do electorado cos tories ca un grande entusiasmo polos laboristas.
De feito, aínda que o laborismo de Starmer encabeza hai meses as enquisas para unhas xerais, a percepción do partido e sobre todo do líder oscila, e os cidadáns sinalan que descoñecen cales son as súas propostas concretas.
Os escanos quedaran vacantes tras a renuncia dos deputados conservadores
Estes dous escanos na Cámara dos Comúns (baixa) británica quedaron vacantes tras a marcha por diferentes motivos dos anteriores deputados conservadores Chris Skidmore, de Kingswood (oeste de Inglaterra), e Peter Bone, de Wellingborough (centro).
Skidmore dimitiu do seu escano na circunscrición de Kingswood o pasado xaneiro en protesta polo plan do Executivo de impulsar a extracción de petróleo e gas no mar do Norte.
O laborista Egan, o seu substituto, permanecerá pouco tempo nos Comúns, pois prevese que a súa circunscrición sexa abolida nunha redistribución do territorio antes dos comicios xerais.
No caso de Wellingborough, o conservador Peter Bone foi expulsado despois de ser suspendido durante seis semanas por acoso e conduta sexual non apropiada cara a un empregado.
A Cámara dos Comúns ten 650 escanos, dos cales 349 son conservadores, 199 laboristas e 43 do Partido Nacional Escocés (SNP), entre outras formacións.