Os países do G-20, divididos por Ucraína, tentan achegar posturas en Nova Delhi
Pedro Sánchez non acode á cita tras dar positivo por coronavirus

Os líderes das principais economías do mundo comezaron chegar ao cume do G-20 que se celebra en Nova Delhi. Nin a China nin Rusia participan no encontro, que vai durar dous días.
Está previsto que o presidente dos EUA, Joe Biden, e o anfitrión, o primeiro ministro Narendra Modi, anuncien un megaproxecto de infraestruturas que unirá o golfo Pérsico co sur de Asia.
O presidente do Goberno español en funcións, Pedro Sánchez, non acode á cita tras dar positivo por coronavirus. Ata alí viaxou a vicepresidenta de Asuntos Económicos, Nadia Calviño, e o ministro de Exteriores, José Manuel Albares.
A axenda inclúe a reforma dos bancos multilaterais de desenvolvemento ou a loita contra o cambio climático, pero non está claro que os países membros consigan alcanzar acordos de relevancia sobre a fin das subvencións aos combustibles fósiles ou sobre a transición ecolóxica.
División pola guerra de Ucraína
O Goberno dos Estados Unidos admitiu este venres que será difícil chegar a un consenso para emitir un comunicado final conxunto, por mor das diferenzas xeradas en relación á guerra de Ucraína.
Se o cume de Nova Delhi conclúe sen unha declaración conxunta, sería a primeira vez na súa historia, unha situación que xeraría interrogantes sobre a relevancia xeopolítica deste grupo.
